12/11/14

B1, e ti de quen vés sendo?

Del sabemos que é o inimigo público nº 1 dos universitarios picheleiros (con permiso do TFG) e por mor do cal bastantes deben pechar a súa titulación de grao tempo despois de aprobar os exames. Trátase dun título de idiomas que hai que conseguir COMO SEXA, ben aprobando o 4º curso da Escola Oficial de Idiomas, o exame PET de Cambridge ou as probas «A e B» do Centro de Linguas Modernas da USC. Isto vén de que moitas universidades españolas o poñan como condición sine qua non para obter o grao universitario. Mais, que se agocha detrás das sílabas «be un» que tanto eco fan nas nosas cabezas?


Pois atopamos un acordo do Consello de Europa, adoptado polos 41 Estados Membros, coa finalidade de elaborar un marco de referencia no ámbito das linguas modernas, tanto a nivel metodolóxico, como o proceso ensino-aprendizaxe, o desenvolvemento curricular ou a elaboración dos criterios de avaliación [goo.gl/mkaz5H]. É dicir, téntase estandarizar na medida do posible o proceso de adquisición das linguas estranxeiras, que aquí denominaremos L2. Como resultado, saen seis graos nos que se divide a lingua meta a aprender, así como as equivalencias destes niveis con respecto a diferentes exames, como da Alianza Francesa, Goethe Institute, EOI ou Instituto Camões [goo.gl/BcL8S6]. Mais antes da súa consulta, eiquí un reto: identificar as características de cada nivel, atréveste?




Despois de dar coas solucións desta relación, xa imos tendo algo máis claro de que vai o asunto, ou? Indicaremos, ademais, que o  Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) vai alén de fixar uns niveis de linguas estranxeiras, xa que falamos dun documento que é, tal e como se indica desde o Centro Virtual Cervantes, «de especial relevancia para los profesores, examinadores, autores de manuales y materiales didácticos, formadores de profesorado y administradores educativos. Es de esperar que contribuya de modo importante a la mejor reflexión sobre los problemas que interesan a los profesionales de la enseñanza de lenguas» [en goo.gl/BcL8S6].
Até aquí unha breve contextualización do asunto mais, en que medida se pode implementar o MCER no día a día? CLICA E DESCÚBREO.



Agora que xa todo isto comeza a tomar algo de forma e sabemos que hai un mundo por descubrir máis alá do omnipresente «exame B1», cómpre facer una comparativa sobre a situación educativa das L2 en diversos países do Consello de Europa. Deseguido, os tres aspectos que máis chamaron a nosa atención:
·  Diferente peso curricular. O peso curricular de L2 non é directamente proporcional ao nivel que o alumnado adquire ao finalizar a Secundaria. En Holanda, por exemplo, a carga lectiva de L2 é case un 50% menor que en España, e aínda así supérannos en nivel. A pesar de que en Suecia non se recomenda aos centros un mínimo de horas anuais obrigatorias de L2, o alumnado sueco termina a Secundaria cun nivel case bilingüe. O feito de que o nivel sexa bo, aínda que non haxa recomendación de horas anuais, demostra a elevada conciencia da importancia de saber unha L2.
·  Diferente distribución temporal no currículoAínda que a introdución de L2 no currículo de Educación Infantil se teña por esencial no noso Estado, a ausencia desta materia noutros países demostra que non o é. Por exemplo, en Eslovenia non se introduce a L2 no currículo até 4º de Primaria, isto é, aos 10 anos; ou en Suecia, que non se inclúe até 5º de Primaria, aos 11 anos. Porén, España é o estado europeo que antes introduce a L2 no currículo, téndoa de xeito obrigatorio en Educación Infantil (desde os 3 anos) e manténdoa durante toda a vida escolar, até a Universidade.
·  Diferente nivel acadado tras a Educación Secundaria. A destreza lingüística na L2 difire de xeito notable en función dos países de orixe e, por ende, do tipo de aprendizaxe da mesma. Non se trata dunha información descoñecida pois é vox populi que hai estados europeos que manexan unha gran destreza no inglés (os nórdicos), mentres os españois levantamos máis dun compasivo «Oh my god» cando nos poñemos coa lingua de Shakespeare. Se é que a marca europea do Informe Internacional EF EPI (Índice de Nivel de Inglés) non nos deixa moi ben parados…





En resumo, en España comezamos coa L2 (polo xeral, inglés) desde máis pequenos que a maioría dos países da contorna (debutamos aos 3 anos fronte aos 6-7 de media) e temos maior carga lectiva da L2 durante a Primaria (10.3% fronte ao 3.1% doutros estados como Dinamarca). Iso si, estamos á cola de Europa no tocante ao dominio das linguas estranxeiras [Informe goo.gl/0pKfp5]. Curioso, non é?

Ante esta situación desalentadora, dende o equipo de redacción desta entrada consideramos nesesario un cambio na metodoloxía da ensinanza de L2, comezando polo proceso de formación do profesorado. Propoñemos ao alumnado como protagonista da aula para relegar a un segundo plano os libros de texto. Non haberá materiais didácticos máis didácticos! Polo tanto, na nosa opinión, o enfoque comunicativo, por tarefas ou por proxectos, sería unha das mellores metodoloxías para estimular a motivación no educando. Agora ben, estamos dispostos a asumir a carga de traballo e aplicar estes métodos como docentes?

E ti lector, que cambios propós para a docencia das linguas estranxeiras en España? Quedamos atentos ao teu comentario!



Autores: Eva Damota Blanco, Martina Mella Montouto, Cristina Negreira Barcia, Jara Rodríguez Martínez, Daniel Seara González, Alba Trashorras López


Ningún comentario:

Publicar un comentario