24/11/14

USO DAS TIC NA AULA DE LINGUA: REGULAR, CONCIENCIAR, SENSIBILIZAR


                                                   http://jupiparo.blogspot.com.es/
Fai uns días saía a noticia sobre a prohibición de usar o móbil nas aulas. Por que? Realmente supón un problema a utilización deste dispositivo durante o horario escolar? Para quen? Para o alumnado ou para o profesorado? Por que asociar sempre o uso de dispositivos con funcións negativas? Por que se queren introducir estas ferramentas no contexto académico se sempre se está a falar das súas desvantaxes?
Para poñernos en contexto, a Xunta de Galicia vai prohibir o uso de teléfonos móbiles nas aulas “para mellorar o clima escolar”. E isto vai máis alá de Galicia: Educación tamén prohibe, por exemplo, o uso deste aparello en Murcia, onde “a infracción pode supoñer a expulsión se o alumnado utiliza o teléfono para humillar a un compañeiro ou ó docente, ou para gravar unha agresión”.
Nas últimas décadas do século pasado asistimos a unha profunda innovación tecnolóxica: a chamada revolución dixital, na que as TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) orixinan transformacións nas nosas vidas e nas relacións sociais. Estamos no inicio dunha nova etapa da evolución humana coñecida co nome de “Sociedade da Información”.
Polo tanto, parécenos crucial tratar o tema das TIC no ámbito escolar e particularmente na aula onde se impartan as clases de linguas.
En efecto, trátase dun tema de actualidade: as queixas en contra do uso dos móbiles nas clases, a falta de regulación da cal se queixa o profesorado pero, á súa vez  e Como paradoxo, a implantación paulatina de medios dixitais no seo das aulas  constitúe unha realidade tanxible. A contradición semella establecerse como eixe central da nosa sociedade.
De feito, os medios dixitais rodéannos. Segundo o Informe anual “a sociedade en rede 2011” (2012) e “Os Indicadores destacados da Sociedade da Información” (2013) do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Enerxía proporciónanos datos que poden facernos reflexionar:

-Houbo unha evolución positiva do número de internautas en España dende marzo 2010 a setembro do 2012 cun incremento de 26,9 millóns a 29,3 millóns de internautas.
-O ritmo de crecemento interanual dos internautas nos últimos anos sitúase en torno ao 9-10%, cun incremento de 1,6 millóns de internautas españois en 2008      respecto ao ano 2007.
-Actualmente a poboación internauta en España (utilización de internet nos últimos tres meses) sitúase no 70% fronte ao 73% da Unión Europea. A banda ancha fixa en xaneiro de 2012 acadou o 24,7% en España e 27,7% na UE e a banda ancha móbil (xullo do 2012) situouse no 48% tanto en coma na UE.. 

-Os centros educativos con conexión a Internet pasaron de 99,3% en 2007.a 99,8%      en 2011.
Porén, están á orde do día titulares do tipo: 
“Educación prohibirá por decreto a los estudiantes el uso del móbil en clase. Los escolares sancionados por mala conducta podrán sustituir la expulsión por su asistencia a “un aula de convivencia”. Los centros tendrán autonomía para regular la vestimenta del alumnado. Paula Pérez Santiago 31.10.2014.” Faro de Vigo
 ou “Loita contra os móbiles na aula. Aínda que a maioría dos centros xa teñen prohibido o uso de teléfonos, é habitual ter que retiralos en clase e pedir os pais que vaian buscalos.” LA VOZ, 10 de novembro de 2014 La Voz de Galicia

Que vos suxire esta imaxe?

Actualmente, os móbiles están máis ca nunca no punto de mira da sociedade. Existen posturas ambivalentes: hai quen se queixa polo seu uso abusivo e xeneralizado e hai quen os alaba polas vantaxes que ofrecen.
Se nos centramos nas franxas de idade, son os máis novos os que máis o utilizan. Aquí é onde chega a gran controversia, hai que prohibir o seu uso nas aulas? Co avance da tecnoloxía, os móbiles contan cunha gran cantidade de funcións que, segundo moitas/os profesoras/es e nais/pais, fan que a/o alumna/o se distraia e non preste atención na clase. Credes que a prohibición é unha boa solución? Hai que ter en conta que a xente de hoxe en día, especialmente as/os rapazas/ces, viven nun mundo rodeado de tecnoloxía. Sen ordenadores, internet ou móbiles a sociedade actual non funcionaría, nin ao ritmo que o fai actualmente, nin coa mesma eficiencia. Entón, queremos facer da escola un lugar illado, nada representativo da realidade diaria? A razón de ser da escola é formar cidadás/ans cuns valores e cuns coñecementos que lles permitan desenvolverse e adaptarse da mellor maneira ao mundo exterior unha vez abandonen o sistema educativo. Censurando os móbiles, conséguese tal obxectivo?
Cremos que a escola actual debe integrar as novas tecnoloxías. Xa non serven as metodoloxías tradicionais porque a sociedade cambiou radicalmente. Ensínanse contidos para memorizar e plasmar nun exame, pero aos que dificilmente o alumnado lles atopa utilidade fóra das aulas, e desaproveitamos o amplo abano de posibilidades que nos proporcionan as novas tecnoloxías. Agora as nenas e os nenos nacen e viven na era de Internet, polo tanto están rodeados e familiarizados co seu uso, que non sempre é produtivo nin axeitado: moitas persoas dedícanse a xogar, a navegar nas redes sociais, etc. Pero un uso responsable pode ofrecer numerosas vantaxes, comezando pola motivación do alumnado, que utiliza no ensino as mesmas ferramentas que usa no tempo de lecer. Así, as redes sociais posibilitan a creación de grupos de interacción permanente a través dos cales alumnado e docente poderán achegar propostas, ideas, intereses... que contribúan a unha mellor planificación e desenvolvemento das clases nun proceso totalmente colaborativo no que o alumnado se sinta implicado e escoitado.
Vexamos un exemplo moi ilustrativo do útil que pode ser a tecnoloxía nunha aula:

Vaiamos agora á aula de linguas, que é a nosa especialidade: non será necesario prescindir xa do radiocassette con gravacións predeterminadas e comezar a permitir que as/os alumnas/os se graben entre elas/eles para poderen repasar as súas interaccións na casa? Ou fomentar a comunicación con rapazas e rapaces doutras partes do mundo para que empreguen a lingua que están a aprender en contextos reais (orais e escritos) que os motiven máis cás conversas simuladas que len e escoitan na clase, das que se senten totalmente afastados? Ou utilizar aplicacións educativas que as/os motiven máis có obsoleto libro de texto, como aquelas que permiten a realización de concursos en tempo real, a planificación das tarefas ou a autoavaliación? Ou organizar actividades por medio das redes sociais, como a actualización dun blog conxunto, a creación de grupos virtuais de traballo ou a publicación de microrrelatos por twitter? Ou, simplemente, aprenderlles a navegar sen riscos e con toda fiabilidade por esta sociedade da información, da que non poderán afastarse na súa vida real e da que, ademais, se lles esixe un coñecemento no currículo?
Polo tanto, consideramos que non se trata de prohibir ao alumnado a utilización das TIC (e do móbil en concreto), senón de formalo para que saiba empregalo de maneira axeitada, cun fin específico para que o resultado sexa positivo e satisfactorio. Así pois, a clave estaría nunha dobre formación:
En primeiro lugar o profesorado, que non naceu na era dixital, debe formarse sobre os recursos existentes e a súa fiabilidade (non toda a información dispoñible é correcta), así como as formas máis seguras e responsables de navegar e interactuar na rede. Esta formación debe acompañarse dunha boa predisposición por parte da/o docente ao cambio e á adaptación, á remodelación dos métodos pedagóxicos. De nada serve introducir o uso das TIC por obriga se ela/el non se convence da súa utilidade e segue empregando os métodos tradicionais, como amosa este vídeo:

En segundo lugar as/os docentes xa formadas/os deben concienciar o alumnado sobre os usos lúdicos e formativos de internet, pero sempre desde unha perspectiva atractiva para rachar coa asociación escola-aburrimento.
É preocupante ver que moitas/os docentes e nais/pais están de acordo coa prohibición dos móbiles na clase e incluso no centro, pero temos que entender os seus principais temores para tentar calmalos. Por unha banda existen moitos casos de alumnas/os que utilizan os seus móbiles para gravaren acosos e humillacións das/os compañeiras/os e docentes, e isto é moi grave, pero consideramos que a solución non é prohibir os móbiles, senón educar o alumnado para que faga un uso responsable dos mesmos, tanto na aula como no exterior; en definitiva, darlles esa información que nós mesmas/os estamos a asimilar.
 A outra grande preocupación é que o alumnado desconecte da aula por estar conectado ás redes sociais, co móbil por debaixo da mesa. Pois ben, seguro que cando todas e todos nós  estabamos no instituto non usabamos tanto o móbil, pero xogabamos ás categorías en grandes grupos, desconectabamos da clase e pasabámolo de marabilla. E na primaria faciamos avionciños de papel e lanzabámolos polo aire, non si? A crave non é quitarlles as cousas que os fagan desconectar, senón a tentación de desconectar: unha/un boa/bo docente que as/os motive pode te-la certeza de que, se ben desconectan cinco segundos para respostar unha mensaxe, ao intre seguinte volverá telas/os enganchadas/os á súa interesante clase 3.0, enmarcada na verdadeira sociedade na que nos toca vivir.
Agora ben, o uso dos móbiles na aula leva consigo o respecto dunhas normas. Quen non levou unha pelota ao instituto para poder xogar ao fútbol ou a calquera outro deporte durante os recreos? Quen non tiña na mochila a frauta para a clase de música? Non por iso se permitía utilizar estes obxectos en calquera momento. Pois ben, co móbil ten que ocorrer o mesmo. É necesario educar (familia, escola, medios de comunicación…) para un uso axeitado del e poder así incorporalo ao proceso de aprendizaxe e sacarlle partido. Debería chegarse a un acordo entre profesorado e alumnado, e establecer unhas normas para o seu correcto uso, pero tamén, de forma consensuada, sinalar as posibles sancións en caso dunha mala utilización, apelando ao compromiso e á responsabilidade do propio alumnado.
Que vos suxiren estoutras imaxes? O mundo cambiou, hai que adaptar o proceso de ensino. Non sí?



Tras esta reflexión, parécevos axeitado o uso das TIC no ámbito escolar? Credes que é acertada esta prohibición? Sería necesario facer unha selección dos niveis educativos nos cales introducir as TIC ou podería facerse en todos os cursos? Agardamos os vosos comentarios!
Autoras/es:
Karina Aboy Baranger
Noelia Cabanas Vellón
Hunberto Castro González
Soraya Pombo Casal
M Gemma Vega Sánchez


Ningún comentario:

Publicar un comentario