30/11/14

LINGUAXE XESTUAL: DO MONO Á EMOTICONA





Os seres humanos somos animais sociais que precisamos do contacto cos outros e , sexa pola natureza hostil que nos obriga a organizarnos en grupos sociais ou pola propia tendencia das persoas a vivir en colectivos, a realidade é que nos xuntamos e que a principal forma de relacionarnos os uns cos outros baséase na comunicación verbal, tanto con intervencións escritas como orais.

Máis aló do emprego da palabra, existen outras formas de comunicar que ás veces pasan desapercibidas porque os comunicantes non somos conscientes de que as estamos a empregar posto que, habitualmente, nos atopamos nun contexto cultural propio. Pero, cando entramos en contacto con grupos culturais alleos á nosa contorna somos capaces de ver que as expresións da nosa cara, a proximidade ó noso interlocutor (o contacto físico) ou os xestos que empregamos tamén comunican e non son particulares, se non máis ben culturais. Por exemplo, en Bulgaria a negación xesticúlase movendo a cabeza de arriba cara abaixo e a afirmación mediante o movemento horizontal da cabeza; todo o contrario ao que facemos nós. Outro exemplo sería en Xapón a forma de aludir á persoa que fala (eu) é tocándose co dedo índice a punta do nariz pero España facémolo co polgar no peito e, para ver outro exemplo podemos sinalar a referencia a unha persoa que está tola facemos un xesto no que o índice xira sobre a sen dereita (en España) e pasando a man aberta varias veces por diante da cara en Alemaña.
E como lingua por excelencia en canto a xestos temos o italiano, que incluso se chegou dicir del que é o idioma que se fala co corpo. Teñen un vocabulario con máis de 120.000 palabras pero non parece que lles sexan suficientes, porque teñen unha serie de xestos (bastante numerosos) para complementar as súas palabras. 

 













Debuxo Napolitano ilustrado por Canon Andrea de Jorio:silencio, non, beleza, fame, burla, cansazo, estupidez, entrepechar, enganar, astucia.



Coñecidos por todos son o xesto de “Che vuoi?” (que queres?) ou “Che dici?” (“que me estás contando?”), que se fai xuntando os dedos da man cara arriba nun movemento oscilatorio. Para a última pregunta tamén xuntan as palmas das mans rotando os dedos sobre elas para darlle un matiz de desesperación.  En cambio, se o primeiro xesto ten un movemento, en vez de oscilatorio, horizontal, quere dicir “Solo come un cane” (“só coma un can”).  Porén, cando se levan un dedo á gorxa e o deslizan ata a queixada é un claro “me ne frego” (“dáme igual”) e se che poñen a man en posición vertical cos dedos cara abaixo e diante do peito dando uns golpes sobre o esterno, ten coidado, porque non te soportan.
Seguro que despois do seguinte vídeo, ides ver O padriño con outros ollos: 




Así, o obxectivo na ensinanza dunha segunda lingua é que o alumno poida comunicarse; de aí que se deban ter en conta todas as destrezas e estratexias que farán del un falante cunha boa competencia comunicativa. Agora ben, como vimos anteriormente, cada lingua e cultura ten a súa propia xestualidade: uns xestos específicos ou unha interpretación particular dos xestos que se dan tamén noutras culturas, así como outros propios. Falando da nosa lingua e unha estranxeira atopamos unha linguaxe común á cultura española e británica, así como unha xestualidade específica de cada unha delas; isto é, unha serie de xestos propios que teñen a súa repercusión na linguaxe verbal, xa que se crean locucións, xiros e modismos que fan referencia aos mesmos e que adoitan acompañalos na conversa. En España, existen certos xestos como o de “ser un cara lavada” (o dorso dos dedos da man golpea de maneira repetida na propia meixela) ou o de que hai moita xente/o sitio está cheo (cando os dedos dunha man ou das dúas, dirixidos cara arriba, se unen varias veces). E aínda que algúns xestos son levados a cabo da mesma maneira por un británico que por un español, nin a frecuencia, nin a intensidade coa que se realiza é a mesma. 









 Mr. Bean nun momento de felicidade



Unha diferenza fundamental entre a comunicación non verbal en España e Reino Unido, é o feito de que a cultura española pertence ás culturas denominadas culturas de contacto, namentres que a británica, está incluída nas de non contacto. As culturas de contacto empregan a mirada e numerosos signos trabados como forma de regular a interacción e a maioría dos intercambios comunicativos fanse a unha distancia persoal que implican o contacto corporal como forma de regular a interacción. Por outra parte, nas culturas de non contacto, a mirada e os signos trabados non constitúen unha forma de comunicación habitual e, por conseguinte, utilízanse con prudencia, pois poden ser interpretados como unha intromisión á intimidade e vida privada da outra persoa. De feito, moitos británicos afirman que o uso das mans nos xestos para comunicarse, é visto con bastante suspicacia; para eles, sacudir ou axitar coas mans, así como mover de maneira flexible os pulsos, son signos de pouca sinceridade. 

Despois deste paseo pola ¨realidade xestual mundial¨ gustaríanos que fixésemos entre todos un flashback antropolóxico que nos leve ás orixes da especie, para acabar esta reflexión polo ¨principio¨...

                                                                             Volvendo ás orixes

E é que ultimamente diversas investigacións realizadas con chimpancés e bonobos confirman que nas xesticulacións manuais ben puido estar a orixe da linguaxe simbólica, entendendo así a comunicación non verbal como paso previo á palabra oral.
De Waal explícao así: «Hemos sabido que los gestos surgieron más tarde en evolución que las expresiones faciales y las vocalizaciones porque los monos no los realizan, pero sí los simios y los humanos, por lo que, problablemente, estuvieron presentes en un ancestro común. Un buen ejemplo es el gesto de pedir algo con la mano».
Por todo isto, pensamos que  a linguaxe xestual era unha maneira de comunicarse os nosos devanceiros primitivos. (Para máis información: http://www.elmundo.es/elmundo/2007/04/30/ciencia/1177945663.html).
Mais, a linguaxe xestual é hoxe un residuo do verbal? Para dar resposta a esta pregunta propoñémosvos que abrades o voso whatsapp e que intentedes escribir sen utilizar emoticonas. Sabemos que fostes capaces pero tamén sabemos que, non o neguedes, vos custou, porque o whatsapp como medio de comunicación a medio camiño entre a escrita e a oralidade é quen de abrirnos os ollos para reflexionar sobre como utilizamos a linguaxe xestual na nosa vida diaria.
É por iso que entendemos a linguaxe xestual como algo inherente ao ser humano, coas súas particularidades dependendo de quen sexamos, de que cultura sexa a nosa... Porque para coller un taxi en Marrocos deberemos empregar os xestos se queremos chegar ao noso destino e para vivir en Bulgaria deberemos asimilar que non se contradín ao asentir un non.
Queremos acabar esta reflexión lanzando unha pregunta para VÓS: 

                                                                                         Si, vós!

Se a lingua está intrinsecamente relacionada coa cultura, non sería oportuno que se estudase a linguaxe xestual nas clases de linguas? Podedes ver este vídeo se non o tedes claro: Linguaxe xestual na escola


MOITAS GRAZAS POLA VOSA ATENCIÓN!












Traballo realizado por Iria Cibes, Arantxa C. Muiños, Triana Torres e Elena Veiga, pilladas in fraganti practicando a súa linguaxe xestual.

                   

P.S. Non deixedes de pasarvos por este blog se non sabes o que é o sorriso de Duchenne ou  queredes aprender a detectar a mentira a través dos xestos:  Club del lenguaje no verbal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario