Na
actualidade, debido a unha maior preocupación e visualización das necesidades
específicas, as medidas de atención á diversidade ocupan un papel primordial no
eido da educación. Dende esta perspectiva, o noso futuro como docentes deberá
estar vencellado á capacidade de recoñecemento e tratamento da diversidade na aula.
Como profesorado de linguas, as dificultades específicas relacionadas cos
trastornos da linguaxe estarán presentes na nosa vida profesional. Por esta
razón, escollemos algúns dos trastornos máis comúns coa finalidade de
achegarnos e achegarvos a cada un deles.
LAPSUS
LINGUAE
Trastornos
da linguaxe
|
||||||
Característica
|
Articulación
|
Discurso
|
Comprensión
|
Lectura
|
Movemento
|
Entoación
|
Ausencia
|
Anartria
|
Afasia
|
Agnosia
|
Alexia
|
Apraxia
|
-
|
Dificultade
|
Disartria
|
Disfasia
|
-
|
Dislexia
|
Dispraxia
|
Disprosodia
|
AFASIA/DISFASIA
A afasia
é un trastorno que afecta ao discurso e que consiste no deterioro da linguaxe
durante ou despois do seu proceso de adquisición. Trátase da perda da
capacidade para producir ou comprender a linguaxe, debido a lesións cerebrais,
lesións focais no hemisferio dominante, dificultades neurolóxicas ou lesións
corticais (de tipo vascular ou traumatismo). Unha vez que se dá o trastorno
afásico, pódese manifestar en todas as modalidades de expresión: escrita, oral
ou xestual, sendo moi pouco frecuentes os casos puros.
Ao mesmo
tempo, parécenos relevante dicir que, despendendo da zona do cerebro onde se
produza a lesión, pódese dar un tipo de afasia ou outro. Se queredes afondar
máis nesta cuestión, picade no seguinte enderezo electrónico: http://www.afasia.org/index.php/clasificacion-de-las-afasias
Pola súa
banda, o termo disfasia empregámolo para referirnos ás formas leves de afasia.
As causas de ambas as patoloxías son as mesmas, pero diferéncianse
principalmente en que a disfasia se desenvolve unicamente cando a linguaxe
aínda se está a desenvolver. Algúns dos seus síntomas son, tamén, os problemas na
fluidez da linguaxe, as disfuncións na articulación dos conceptos e os erros na
sintaxe.
Finalmente,
os tratamentos que deben seguir aqueles que sofren estes trastornos son moi
diversos e dependen das necesidades e mais dos obxectivos de cada paciente.
Porén, en xeral, tentarase sometelos a programas especializados nos que se
inclúen actuacións de tipo preverbal e outras relacionadas coas habilidades
básicas.
ALEXIA/DISLEXIA
O
trastorno da linguaxe denominado como alexia fai referencia á perda ou
alteración da capacidade para comprender a linguaxe escrita como consecuencia
dunha lesión cerebral. Esta perda ou alteración dáse, normalmente, despois de
que a habilidade para a lectura fose previamente adquirida. Normalmente, a
alexia vai asociada a un cadro de agrafía, definida como unha carencia da
habilidade para a escritura a pesar de que a persoa conserva a súa linguaxe e
comprende o que se lle está dicindo. Podemos distinguir, principalmente, tres tipos de alexia:
A alexia pura (ou alexia sen agrafía), que corresponde aos trastornos exclusivamente na
lectura, sen trastornos na linguaxe oral nin na escrita.
A alexia con agrafía, que corresponde a
un trastorno tanto da lectura como da escritura (sen afasia).
A alexia afásica, que son as alteracións
na lectura que se asocian cos síndromes afásicos.
Pola súa parte, a dislexia é a dificultade de
aprendizaxe lectora e escrita e que está por debaixo do nivel de intelixencia
da persoa. Está causada por un impedimento cerebral relacionado coa capacidade
de visualización das palabras. A xente con dislexia tende a inverter as letras
cando escribe ou a ter dificultade ao ler, xa que non poden distinguir
determinadas letras e invértenas mentalmente. Hai, principalmente, tres tipos de dislexia:
A dislexia visual, na que predominan
erros de tipo visual.
A dislexia de superficie (ou
superficial), onde hai erros relacionados con paralexias fonolóxicas e grafémicas.
A dislexia profunda, na que aparece un
predominio de erros semánticos e as disociacións en pacientes con lesións
cerebrais.
Para
obter máis información, podedes premer nas seguintes ligazóns:
APRAXIA/DISPRAXIA
A
apraxia é a incapacidade de realizar un movemento solicitado, que, pola contra,
pode ser realizado cando o individuo é obrigado polo contexto ou por esixencias
interiores. Trátase dunha perda da capacidade de executar movementos cunha
finalidade precisa, a pesares de non haber problemas de intelixencia ou
mobilidade. O individuo sabe o que quere facer, pero non ten o control da
acción.
Existen
varios tipos de apraxia, entre os cales podemos destacar:
Apraxia ideacional: imposibilidade de representar secuencialmente unha
acción conducente á utilización dun obxecto simple, como por exemplo un peite.
Apraxia ideomotora: impedimento para realizar xestos simbólicos e xestos
mímicos, nos que se imita a utilización dun obxecto determinado.
Apraxia motora: incapacidade de realizar xestos habituais que requiran precisión. Os
diferentes movementos serán realizados dunha forma caótica e a acción final non
será a desexada inicialmente.
Pola súa
banda, a dispraxia é a incapacidade para realizar unha secuencia coordinada de
movementos voluntarios, que dificulta a realización de actividades na vida
diaria e que poden interferir negativamente no desenvolvemento académico. A súa
orixe pode estar en anomalías no cerebro, como é o caso dalgúns nenos
prematuros. Contrariamente á apraxia, a dispraxia está presente dende antes do
nacemento. Podemos distinguir varios tipos de apraxia, como por exemplo:
Dispraxia ideomotora: dificultade para realizar unha acción encomendada
verbalmente, que si se realizaría, pola contra, de forma espontánea.
Dispraxia ideacional: problemas para coordinar os movementos que se teñen que
realizar para manipular un obxecto da vida cotiá.
Dispraxia oromotora: complicacións para realizar un movemento que implique
os músculos faciais.
Dispraxia construtiva: dificultade para establecer relacións espazo-temporais.
ANARTRIA/DISARTRIA
O termo disartria é
unha alteración na articulación das palabras. Este trastorno da linguaxe
atribúese a unha lesión do sistema nervioso central e periférico e o paciente
manifesta dificultades asociadas á articulación dos fonemas. Segundo a
localización da lesión cerebral, podemos distinguir varios tipos:
Disartria flácida: prodúcese pola alteración da motoneurona inferior.
Disartria espástica: prodúcese pola alteración da motoneurona superior.
Disartria ataxia: debido a unha alteración no cerebelo.
Por lesións do sistema extrapiramidal: regula o ton muscular para manter unha postura ou
cambiala, ademais de organizar os movementos.
Disartrias mixtas: encádranse procesos patolóxicos cerebrais como tumores,
traumatismos, inflamacións, etcétera.
No que respecta á anartria é o caso
máis extremo e grave da disartria e fai referencia a un trastorno da linguaxe
consistente na imposibilidade de articular os sons. Normalmente, esta
alteración débese, ao igual que a anterior, a unha lesión na zona central ou
periférica do sistema motor que controla os músculos, implicados na
articulación da palabra. O paciente afectado pola anartria entende todo o que
se lle di, pode lelo, pero non pode pronunciar o que está a ler.
Para
obter máis información sobre estas patoloxías podedes visitar as seguintes
ligazóns:
AGNOSIA
O termo procedente do
grego vén a denominar un trastorno que consiste en non poder recoñecer
estímulos previamente adquiridos ou unha falta de capacidade para adquirir
outros novos, sen sufrir ningunha deficiencia no tocante á percepción, á linguaxe ou ao intelecto. Aparece por
causa dunha lesión cerebral (accidente
cerebrovascular, traumatismo craneoencefálico...),
aínda que tamén pode ser
herdada; isto provoca que a persoa aqueixada responda a calquera estímulo sensorial cotián como se
nunca antes o tivera percibido.
Malia que existen diferentes tipos e todas afectan de maneira
evidente á vida de calquera persoa que poida padecer este tipo de patoloxía e,
polo tanto, ás funcións relacionadas coa linguaxe e cos actos comunicativos,
hai dous tipos que inciden de forma directa neste ámbito da vida:
Agnosia fonolóxica:
danse erros no mecanismo de
conversión acústico en fonolóxico. Os suxeitos afectados presentan unha
incapacidade para repetir e escribir palabras novas cando se lles ditan. Porén manteñen a capacidade para repetir e
escribir palabras que lles son familiares.
Agnosia semántica: ten características moi
semellantes ás da afasia semántica. Poderiamos describila como a incapacidade para entender as palabras, afectando máis aos
conceptos específicos que aos xerais. Con todo diferénciase da afasia porque,
no caso da agnosia, non teñen por que verse afectadas todas as categorías conceptuais.
DISPROSODIA
A disprosodia designa
o trastorno no que unha ou máis das funcións prosódicas aparece afectada ou, incluso, eliminado
completamente. A prosodia atende a variación na melodía, entoación, pausas, intensidade,
calidade bocal e mesmo os acentos da fala. En consecuencia inclúe a expresión
nos niveis lingüísticos, actitudinais, pragmaticais, etc. Existen estudos que
enmarcan a disprosodia dentro da disfemia,
por consistir tamén nunha
alteración na fluidez do discurso, acompañada por outras manifestacións que
atinxen a coordinación fono-respiratoria. Adoita atribuírselle unha orixe neurolóxica, xa que a personalidade da
persoa, a comprensión sensorial, as habilidades motoras e a intelixencia
permanecen intactas, a gramática, así como a capacidade emocional vocal poden
verse afectadas. Dentro da disprosodia existen dous tipos:
Lingüística: refírese á diminución da capacidade de transmitir verbalmente
os aspectos da estrutura da oración, coma o
uso dos patróns de entoación para revelar a estrutura ou intención dun enunciado e, tamén, o feito
de poñer énfase en determinadas palabras, dándolles unha posición focal no
contexto oracional. Un exemplo sería a produción de oracións
interrogativas e declarativas deixando á marxe as curvas de entoación pertinentes.
Emocional: vencellada á capacidade
dunha persoa para expresar as súas emocións a través do seu discurso, así como
a habilidade de comprender as emocións na fala doutra persoa. Alguén que posúa este trastorno sería incapaz de imprimar a súa voz co ton preciso para transmitir
calquera tipo de emoción e tampouco de facer unha análise das emocións doutro a
través da simple escoita do seu discurso. Malia esta incapacidade, isto non implica que
estes non se xeren ou existan na
persoa senón que, simplemente, a súa habilidade para poñelos de manifesto de maneira extraverbal está anulada.
Sara Rivas
López
Carmen Vázquez
Taboada
Yolanda
Torres García
Lucía
Vila Ferreiro
Paula Trasancos Mariño
Ningún comentario:
Publicar un comentario