Sobre a dialectoloxía do galego e a
normativa oficial: ¿por que ensinamos galego e non
ghalegho?
O
debate sobre a dialectoloxía do noso país volve estar aberto. A chave: o vídeo Ghalegho (e
con, el, reaccións diversas), que
nos últimos tempos se volveu viral na Galicia (¿ou Ghalicia, ou Ghalisia?) internauta.
Como
falantes de diferentes variedades dialectais que conviven en harmonía e como
futuros docentes de linguas, decidimos dedicar estas liñas a facer unha pequena
reflexión sobre como é tratado este tema na realidade galega, máis en concreto
no ensino galego. E velaquí a cuestión clave: ¿por que falamos ghalegho pero
ensinamos galego?
Unha norma en
cueiros
Certamente,
estamos a falar dunha materia extensa e complexa sobre a que se teñen
manifestado opinións de todas as cores e para tódolos gustos. O primeiro que
temos que ter en conta ao abordar esta cuestión é a situación especial na que
se enmarca a lingua galega, que, a diferenza da maioría das linguas do noso
entorno europeo, conta co estatus de lingua cooficial dende hai moi pouco
tempo. É que houbo que agardar ata 1982, coa aprobación do Estatuto de
Autonomía de Galicia, para que fose recoñecida oficialmente como tal.
Debido
a isto, a normativa, así
como a escolarización no noso idioma, son aínda moi recentes e carecen de
estabilidade. No entanto, as diversas modificacións da gramática e do léxico, así
como as mudanzas nas leis educativas que lle dan maior ou menor presenza ao
galego nas aulas, non axudan en absoluto a mellorar a precaria situación na que
se atopa a nosa lingua. Esta falta de estabilidade en moitos aspectos
fundamentais para a normalización lingüística, unida ao desacordo de moitas
persoas do mundo das letras que dende o inicio non
foron partidarias da nova normativa, fai que o galego estándar non sexa ben
acollido pola maior parte dos e das falantes.
O complexo galegofalante
Tamén cómpre ter presente a pouca conciencia entre a poboación da importancia da nosa lingua, asociada dende vello a moitos prexuízos relacionados ao baixo poder económico e o carácter rural das persoas que a falan.
Este problema, que sería impensable no caso doutras linguas cunha tradición institucional maior ou cun Estado potente ao seu servizo, fai que as variedades xeográficas do noso país sexan infinitas, pois até hai moi poucos anos non existiu unha normativa difundida polas institucións escolares e polos medios, como ten pasado con moitas outras linguas.
Imaxe dunha manifestación de Galicia Bilingüe no ano 2009 galego
Esta
diferenza radical prexudícalle notablemente ó estatus deste idioma e á autoestima
dos e das galegofalantes, o cal provoca que o número de persoas que a manteñen
como lingua habitual diminúa de xeito
perigoso ano tras ano. Mais isto,
paradoxalmente, déixanos tamén unha parte moi positiva: o mantemento ata a actualidade
dunha enorme riqueza lingüística e de matices entre as diferentes
variedades.
Ben falado
Así
pois, gustaríanos facer unha reflexión sobre a importancia do coñecemento e o mantemento
destas variedades, sen que isto sirva para desprestixiar a norma estándar.
Emporiso, partimos da idea de que esta normativa conta con moi poucas persoas
entre as falantes habituais, que non a senten como propia e mesmo son remisas a
utilizala en contextos máis formais, preferindo incluso expresarse en español.
Tentaremos,
xa que logo, dar luz a algunhas cuestións que, de xeito habitual, suscitan
polémica: ¿cal é o verdadeiro galego?, ¿que
significa galego ben falado?, ¿beneficia
ou entorpece no proceso de normalización da lingua galega a enorme variedade
dialectal do noso país?
Mais, antes disto,
é preciso clarificar o que son as variedades dialectais dunha lingua, así como facer
unha breve panorámica sobre a concepción das variedades dialectais que se tivo
ao longo da nosa historia recente.
Os dialectos en Galicia
Dentro
de cada lingua conviven variedades internas, que dependen de factores
temporais, espaciais, socioculturais e contextuais. Neste pequeno artigo
centrarémonos nas variables xeográficas ou dialectos do idioma galego, isto é, as
variantes que aparecen nas distintas zonas xeográficas nas que se fala unha
lingua.
Estas
variedades, a pesar do que moitas persoas sosteñen, non constitúen un problema
para o uso nin para o mantemento dun idioma, senón que son un signo de riqueza lingüística,
comunicativa e cultural, polo que deben respectarse e utilizarse para que non
caian no esquecemento.
Nembargante,
isto non sempre é posible, pois como veremos, a presión social fai moitas veces
que as persoas modifiquen a súa fala ou mesmo muden de lingua ao sentirse inferiores
ou condicionadas polo feito de falaren a súa lingua primeira, tal e como a
aprenderon pola interacción co seu entorno.
No interior destes bloques hai varias áreas, zonas
lingüísticas de desigual extensión e unidade, que se poden delimitar coa
isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase
fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía, sen ter en conta as variacións lexicais.
Perspectiva
histórica
Interésanos
moito facer unha breve análise de como foi historicamente e como é percibida na
actualidade a variedade dialectal en relación coa lingua estándar. Trátase de
posicións contrarias que, ou ben caracterizan as variantes coma tesouros a
custodiar, ou ben como atranco para a conformación dunha variedade modélica.
Centrándonos
neste último punto de vista, temos que dicir que foi compartido tanto por
filogaleguistas como por antigaleguistas, aínda que obviamente por motivos ben
distintos. Así pois, xa no século XIX as reflexións que sobre o asunto atopamos
veñen da man de Cuveiro e Pardo Becerra, interesados na posibilidade de
creación dunha koiné ou especie de estándar para o galego. O primeiro
menciona as “infinitas subdivisiones de las cuatro provincias gallegas, en
comarcas también especiales y en las que tampoco se entienden entre sí, ciertos
vocablos ó frases enteras” (Cuveiro, 1868: VI). O segundo afirma que “n-un
mesmo Auntamento se falan palabras compretamente difrentes pra expricar unha
mesma cousa” (Pardo Becerra, 1889: 74).
No
outro extremo posicionouse Joaquín de Arévalo, deixándonos unha interpretación
hiperbólica da comunicación lingüística da sociedade galega ó expresarse nestes
termos:
Unos dicen estadullo,
otros fungueiro, otros fueiro y todo ello es un palo. Unos llaman
a la mariposa abelaíña, otros le dicen volvoreta. Unos dicen zamelo,
otros mamota, otros zoncho, total, lo mismo: castañas. Unos
pronuncian barrelo, otros berce, otros arrulo, que es la
cuna (Arévalo, 1888: 308).
Esta
constatación lévao a concluír que “apenas podrán reunirse gallegos de las
cuatro provincias que se entiendan entre sí”, afirmación que non merece máis
comentario que o da mera consideración da esaxeración falaz da sentencia, nun
intento claro de desacreditar o galego como vehículo de comunicación eficiente.
Agora,
trasladándonos ao século XXI, e aínda sendo conscientes da existencia de
variedades coma o andaluz, o extremeño ou as de América Latina, os
falantes espontáneos de galego toman o estándar castelán como paradigma
supradialectal de lingua aceptada común e tacitamente.
Seguramente
a exposición ó estándar do castelán a través dos medios de comunicación e da
escola, en contraste coa menor exposición a outras variedades, principalmente
por mobilidade xeográfica ocasional, fan que a percepción dos galegofalantes
sexa que ese estándar do castelán está pouco suxeito á variación, cando en
realidade non é así.
De
feito, un dos cometidos da Real Academia de la Lengua, a xulgar polo coñecido
lema de “fija, limpia
y da esplendor”, non debe ser outro que o de fixar permanentemente a
norma. Pola contra, a percepción que teñen do idioma que usan a diario (o
galego) é en moitos casos resultado dunha maior detección de variedades
singulares, o que fai que se focalice máis a atención nos elementos
diferenciais.
A onde queremos chegar
Tendo
en conta a situación complexa e estraña na que se atopa o noso idioma, da que
falamos ao inicio desta entrada, e tendo en conta o momento no que se tivo que
presentar a normativa oficial para a súa case inmediata implantación; non é de
estrañar que exista unha porcentaxe moi alta de falantes de galego que non se
sintan identificados coa versión oficializada da súa lingua. Isto, en moitos
casos,
fixo que os propios falantes se distanciasen do proceso de normalización
da lingua, provocando unha clara situación diglósica: moitos e moitas falantes
mudan a súa lingua habitual en contextos elevados favorecendo o uso do español,
do que teñen un coñecemento tan relativo como da normativa oficial do seu
propio idioma, por consideraren que é unha lingua cun maior prestixio social.
Aínda
hoxe en día non é estraño escoitar sentencias do tipo: “e que ese galego que
falan os da TVG non hai quen o entenda” ou “eu non falo galego porque o galego
que se fala na miña terra é mal galego”. O feito de que este tipo de
pensamentos estean tan estendidos é un claro síntoma do problema, pois mentres
debatemos sobre a normativa galega, o feito é que o castelán continúa gañando
falantes na nosa comunidade.
Tendo en conta a
importancia que teñen as linguas á hora de consolidar a unión social e cultural
dos seus e das súas falantes, non podemos entender como menor o problema das
variedades lingüísticas do noso país se pretendemos o uso e o mantemento do
galego en tódolos ámbitos da vida das persoas.
O galego continúa
reducido ao uso particular. Ademais, fóra do círculo máis íntimo -cando a súa variedade dialectal perde a
funcionalidade de identificarse cos seus semellantes- as persoas non recorren
ao galego normativo, que ao igual que acontece co español non senten propio
pero si que se senten máis seguros á hora de utilizalo.
Quizais se dende o
ámbito do ensino e os medios de
comunicación –verdadeiros instrumentos de cambio social, tamén no
eido lingüístico– se lle dese outro tratamento ó galego como fala e ó galego
como norma, a situación mudaría. Resulta imprescindible rematar co desprestixio
e a falta de autoestima que sufrimos os galegos e galegas no que se refire ó
noso idioma.
É preciso acabar
cos prexuízos lingüísticos e entender que a lingua oral dos falantes de ningún
idioma do mundo se corresponde estritamente coa normativa da mesma, e este é un
proceso que debe comezar nas aulas. Nas nosas mans está, como futuros docentes,
facer que a poboación tome conciencia da riqueza que supón gozar dunha lingua
viva, que como tal medra de xeito diferente nos distintos lugares onde botou
raíces.
Máis alá diso,
como cidadáns, debemos loitar porque a norma do noso idioma non sexa o xugo que
o condena a camiñar cada vez máis paseniño, mesmo cara atrás. Para isto, as
institucións que nos representan (ou deberían representarnos) han de emprender medidas
que incentiven o uso do galego como lingua natural, no canto de insinuar a súa
imposición como un apéndice artificial.
|
Aizane Falcón
Cristina García
Gonzalo Rodríguez
Lucía Sande
Olalla Liñares
BIBLIOGRAFÍA
-
Arévalo, Joaquín (1888): “El dialecto”, Galicia. Revista Regional
II, 7, pp. 301-312.
-
Cuveiro Piñol, Juan (1868): El habla gallega. Observaciones y
datos sobre su origen y vicisitudes. Pontevedra: Imp. de José A. Antúnez y
Cª.
-
González Seoane, Ernesto (2002): “Léxico dialectal e estándar
literario”, en Dialectoloxía e Léxico/ Rosario Álvarez, Francisco Dubert
García, Xulio Sousa Fernández (editores). Satiago de Compostela :
Consello da Cultura Galega: Instituto da Lingua Galega, 2002. pp 95-113.
-
Pardo Becerra, Manuel (1889): “D´a fala gallega”, A Monteira
-
Sanmartin,
Roberto «Língua
somos. A construçom da ideia de língua e da identidade colectiva na Galiza
(pré-)constitucional», comunicación integrada en el panel “Somos ou nom somos?
Construçom identitária na periferia europeia durante a transiçom política e
memória actual: o caso galego (1968-1982)” [Roberto L.I. Samartim (coord.)]
Ningún comentario:
Publicar un comentario