Vaughan na tele,
Vaughan na radio, Vaughan no móbil e máis no quiosco! Vaughan ata na soap! Ou perdón, Mr. Vaughan, na soup, quería dicir.
Pero quen é este home
que tanto se empeña en aprenderme inglés? E como está tan convencido de que o
vai lograr, co mal que se me dan a min os idiomas?
Richard Vaughan é un
texano de 63 anos que chegou a España alá polo 1974 e quedou namorado do país e
da súa cultura. Mais algo debía haber na forma de falar inglés dos nosos
compatriotas que non lle gustaba ao home, e “nin corto nin perezoso” propúxose
arranxar a situación. E facer moreas de cartos de paso.
Meu dito,
meu feito: hoxe en día Vaughan Systems forma a 6.000 persoas ao ano en España,
proporciona emprego a 450 persoas e factura uns 20.000€ anuais. Tras 25 anos centrada
no ensino do inglés no sector empresarial, a compañía que preside Richard
Vaughan experimentou a partir do cambio de século unha importante expansión coa
fundación de Vaughan Town, que recrea o contexto da inmersión lingüística sen
necesidade de saír ao estranxeiro; a Vaughan Radio, unha emisora 24 horas de
clases de inglés; os cursos de inglés por móbil con Orange; a Aprende Inglés
TV; os cursos de inglés en colaboración coa Universidade Menéndez Pelayo; os
coleccionables Vaughan Intensive que veñen co xornal ou mesmo un videoxogo para
PSP, o Play English. Na actualidade teñen proxectos de expansión cara lugares
de Latinoamérica, como Santiago de Chile ou Bogotá, e en vista dos aparentes
bos resultados a pretensión é a de fundar unha universidade de Humanidades e
Ciencias Sociais co seu estilo de aprendizaxe.
Non cabe dúbida de
que este home sabe como vender un produto, pero… e o seu método de ensino de
inglés, que tal funciona?
Imos ver que di o
propio Mr. Vaughan ao respecto; cales son as chaves do éxito no ensino e a
aprendizaxe do inglés:
First of all: a
comprensión e a expresión auditiva prima sobre todas as demais destrezas.
Durante as 500 primeiras horas de inglés non se debería tocar a lectura.
Segundo: A
automatización por repetición é o mellor xeito de aprendizaxe.
Terceiro: Corrección
de erros constante por parte do profesor. Debe evitarse que os erros se
instalen.
Cuarto:
Imprescindible unha boa base que inclúa de forma correcta as cousas máis
sinxelas dunha lingua (datas, horas, números, gramática básica). Isto permite
construír un inglés en boa saúde libre de lagoas e danos (erros instalados).
Quinto: Emprego da L1
para dar explicacións gramaticais ou ofrecer traducións. Porén, nas clases
presenciais téntase evitar a tradución; pídeselles aos profesores que non falen
o español nas aulas, o cal suporá un desafío para os alumnos.
Sexto: Distribución
dos contidos en torno a núcleos gramaticais (traballados sempre de forma oral),
aos que se lle vai engadindo vocabulario.
Sétimo: Nas clases
presenciais, traballo en grupos pequenos (de 1 a 6 alumnos por clase) nos que
os alumnos poden corrixirse entre eles sempre que estean na certeza de facer as
correccións axeitadas.
Oitavo: O papel do
profesor é clave: guía do desenvolvemento da clase, que debe facer
constantemente que o alumno estea atento e motivado. Móstrase próximo ao alumno
e anímao constantemente a que participe e pregunte.
Noveno: O alumno debe
perder o sentido do ridículo.
And last but not
least: Segundo Richard Vaughan un 80% do éxito da aprendizaxe recae no traballo
individual fóra da aula. Cómpre practicar a comprensión oral a través da radio
ou dos informativos e a expresión oral mediante a declamación diaria de frases.
Para ter un bo dominio do inglés considérase que se precisan unhas 3.000 horas
de dedicación entre clases, estudo persoal e situacións comunicativas na vida
real.
Así que xa sabes, a
receita do éxito é todo un clásico: ora
et labora!
Hmh! Así visto,
semella que tampouco é ningunha bicoca isto do método Vaughan. De feito,
verdade que algo disto nos soa xa coñecido?
Por exemplo, se ben é
certo que este método lle confire a máxima importancia ao plano oral da lingua,
acaso non establece os seus primeiros fundamentos sobre a base da explicación
gramatical, ao máis puro estilo da vella escola, segundo o método
gramática-tradución? A relevancia da lingua falada é no método directo un piar
básico, do que non obstante diverxe o método Vaughan en que as regras
gramaticais non se infiren de xeito indutivo, senón que se explican
previamente. Diferénciase tamén do
método directo en que non só se emprega a lingua meta e en que a aprendizaxe
non se realiza en contextos significativos.
Por outra banda, o
método Vaughan está emparentado tamén co método comunicativo: existe constantemente
un estímulo comunicativo; acéptase a tradución; ponse énfase no contido, non
tanto na forma; favorécese a interacción en pequenos grupos. E diverxe del en
que os erros hanse de corrixir sempre, os contextos comunicativos non son
naturais e os exercicios non atenden a unha comunicación funcional, senón á
mera posta en práctica da lección gramatical explicada.
E co que resulta
evidente a semellanza é co método audiolingüístico, baseado na explicación
gramatical e en exercicios estruturais de repetición, memorización e
transfiguración (Drills) coa
finalidade de conseguir reflexos mecánicos. En efecto, o papel que desempeña o
profesor e o alumno nas clases de Vaughan coinciden cos que prescribe o método
audiolingüístico: o docente é quen controla totalmente o proceso de
ensino-aprendizaxe na aula, as tarefas están dirixidas e controladas e o alumno
escoita e repite o que se lle pide (condutismo). Así mesmo, os exemplos de
exercicios que tivemos ocasión de analizar seguen fielmente esta liña: repetición
dun enunciado antes de velo escrito, substitución dunha palabra por outra nova
nun enunciado, reformulación dun enunciado para dicirllo a un compañeiro
(exercicio moi empregado para practicar o reported
speech), completar enunciados, traspoñer a súa orde, etc.
Á hora de valorar o
método Vaughan hai que recoñecer, pois, que a repetición de expresións e os exercicios de
formación de frases fan que se sexa consciente da corrección gramatical, xa que
tamén hai unha gran preocupación por pulir os erros. Á vez, a práctica
sistemática de certos modelos contribúe á automatización de estruturas
lingüísticas e ao aumento da fluidez. Por outra banda, o perigo destas
repeticións é que o grao de concentración do alumno descenda e que se perda a
motivación, tanto pola monotonía do proceso como por non ter a oportunidade de
realizar construcións libres e creativas.
En definitiva, a falta de estudos sobre os efectos deste
método a largo prazo non permite un xuízo fundamentado respecto da súa
eficacia. Nós aquí presentámosvos como funciona, pero teredes que ser vós, os
seus consumidores, quen decida se resulta ou non de proveito.
David Amboage
Arántzazu Caamaño
Gloria González
Beatriz Pérez
Laura Rodríguez
Ningún comentario:
Publicar un comentario