Autores: Beatriz Abelenda Santos, Belén Bouzas Gorgal, María Escarís Tomé, Alba García Agrasar, Adriana Grela del Río, Yago Rodríguez Puy, José Sixto García
Asubíasme de largo
Cal se fora can perdido;
Eu non che son can de lebres
Que entendo por asubíos.
(Cantiga Popular Galega)
Adoita definirse a linguaxe coma un método de
comunicar ideas, emocións e desexos por medio de sistemas de signos (que
xeralmente son auditivos) producidos de xeito deliberado; aos distintos
sistemas de signos, denominámolos linguas. Para diferencialo doutros xeitos de
comunicación (coma a comunicación animal) téñense formulado diversas
características e tipoloxías de clasificación, coma a de Hockett, que publicou
no seu Curso de lingüística moderna (1958).
Esta postula unha serie de propiedades que illadamente
poden atoparse en diversos sistemas de comunicación, pero no seu conxunto só se
localizan na linguaxe; xa que logo, un sistema de signos que responda a estas
características sería unha lingua.
As ditas características son: intercambialidade,
semanticidade, especialización, arbitrariedade, prevaricación,
retroalimentación total (ou feedback),
desprazamento, dualidade, produtividade, transmisión cultural ou tradicional e
reflexividade; e basicamente implican que o código permite actuar como emisor
ou receptor, os signos que usa asócianse a elementos alleos a el mesmo, non está
asociado a ningunha función biolóxica (non é por exemplo un código exclusivo
para a reprodución). A relación entre os signos e a información é convencional
(non é icónica ou de semellanza, coma un debuxo, nin é unha relación natural,
coma a do fume co lume), permite emitir mensaxes falsas, cando se emite
escoitase sobre a marcha permitindo a autocorrección do emisor, permite
comunicar acontecementos pasados ou futuros, está formado por elementos menores
sen significado que forman outros con significado (o caso dos sons, que illados
non significan nada e xuntos forman as palabras), permite crear mensaxes novas
sen dificultade, adquírese por aprendizaxe (non é instintivo) e pode emitir
mensaxes acerca de si mesmo.
Desta caracterización podemos extraer que, aínda que a
maioría das linguas son verbais, constituídas por palabras, este non ten por
qué ser exclusivamente o único formato que adopte a linguaxe: un bo exemplo
disto é o caso do asubiar gomero.
O silbo gomero é unha lingua asubiada idiomática que
se vén empregando dende tempos inmemoriais na illa de La Gomera co fin de
comunicarse nas grandes distancias, mais non só. Permite intercambiar un
conxunto ilimitado de mensaxes a través de asubíos que reproducen as
características sonoras da lingua falada. Hoxe en día arremeda o castelán das
Illas Canarias, pero podería facer o mesmo con calquera outra lingua? Si,
porque está fundamentado na reprodución dos sons dunha lingua, non do castelán
en exclusiva.
Sabemos xa que dous ingleses ou dous chineses poderían comunicarse tamén
empregando o silbo gomero, aínda que, iso si, precisarían dunha grande potencia
para emitiren o son. Non o pode facer calquera. Esta linguaxe emprega todos os
recursos fonadores da cavidade bucal e as súas correspondentes subcavidades
mediante o asubío, que só permite variacións de frecuencia nun ton fundamental,
o que implica moita práctica para comunicarse con eficacia e, de feito, é
realmente sorprendente ver como dialogan os que están afeitos a utilizalo. No
vídeo que inserimos a continuación
podemos escoitar esta lingua e, ao mesmo tempo, coñecer un pouco mellor a súa
historia:
Esta lingua ten un carácter social e non é frecuente o
seu uso no ámbito privado, obviamente pola súa propia natureza, de xeito que
adoitan ser receptores da mensaxe máis persoas que a destinataria. Pero ese
sentido social é dobre, posto que o coñecemento da lingua tamén ten contribuído
a crear un maior sentimento de pertenza á comunidade. Con todo, os cambios
acontecidos desde 1950 cara a adiante situaron o silbo no camiño da súa
extinción e apenas unhas ducias de persoas maiores eran quen de expresarse
nesta lingua.
O silbo gomero é unha lingua propia da illa da La
Gomera, así coma en Gran Canaria, Tenerife e El Hierro. Tense constancia desta
linguaxe xa dende antes do século XV coas poboacións aborixes, pois é neste
momento cando chegan ás illas os conquistadores casteláns.
A illa de La Gomera é volcánica (ao igual que as
outras illas que forman o arquipélago canario), presenta unha forma redondeada
na que, debido á orografía que dispón, os seus habitantes necesitaban dun medio
de comunicación a longa distancia, salvando os grandes desniveis que decoran a
paisaxe deste lugar, cheo de barrancos e acantilados.
Co paso do tempo, a que fora a arma principal para o
intercambio de mensaxes entre pastores, foi quedando relegada a un mero
instrumento cultural popular do que don Isidro Ortiz, mestre asubiador, é un
dos maiores representantes.
No século XXI a súa supervivencia está en perigo, pois
quedan moi poucos asubiadores, e todos de avanzada idade. Aínda que a súa conservación
intenta coidarse dende diversos centros educativos, esta medida non presenta
uns resultados exitosos, pois hai unha gran falta de rigor na súa ensinanza.
No que se refire á cronoloxía, o silbo parece que foi descuberto arredor
do século XV polos conquistadores españois que chegan ás illas, sen poder
fixarse unha data exacta do nacemento desta linguaxe. Podía representar
calquera lingua, e convive sen problema coa lingua falada até principios do século
XXI. A partir de aí, entra en declive o uso e aprendizaxe do silbo gomero, basicamente
a causa das melloras das comunicación e especialmente da desaparición de
actividades nas que máis se empregaba coma era o pastoreo. No seguinte vídeo
podemos acceder á súa historia: “El silbo gomero, lenguaje silbado de la isla
de La Gomera (Islas Canarias)”, onde explica a historia do asubiar:
O silbo gomero é unha das prácticas máis antigas da
comunidade canaria, concretamente, da illa de La Gomera. Aínda que non se sabe
con certeza de onde vén, hai principalmente dúas teorías: 1) a que defende unha
procedencia africana, e 2) a que opta por unha procedencia guanche, isto
é, a creación do silbo por parte dos habitantes prehispánicos das illas
canarias.
Por unha banda, as teorías africanas apóianse nos
textos de Salmer Brow nos que expón que el mesmo escoitara a xente do Atlas
falar mediante asubíos.
Pola outra, as suposicións de que provén dos
guanches danse a raíz do primeiro documento histórico que se atopou nas
illas, o Le canarien, onde se recolle que os habitantes que forman o
territorio falan cunha linguaxe que parece non necesitar a lingua para emitir
sons, a frase exacta que se extrae do documento é a seguinte:
“El país (en referencia
a La Gomera) habla con un lenguaje extraño, como si no tuvieran lengua”.
Estas teorías que se
apoian na creación por parte dos habitantes canarios xustificaríanse polas
condicións orográficas da illa de La Gomera e aparecen tamén en textos de
autores como Bontier e Le Berrier.
“La isla es pequeña y montañosa hasta el exceso, aunque sería pueril
establecer una relación directa entre las dificultades de comunicación que
origina la orografía y la invención del silbo, auténtico telégrafo bucal.”
Trujillo, Ramón (1978)
A illa da Gomera érguese con pouco máis de 370 Km2 cun
relevo duro, con fortes barrancos e acantilados, montes, bosques e algunhas
praias. Alberga varias xoias naturais, como o Parque Nacional de Garajonay
(declarado en 1981 e posteriormente nomeado pola UNESCO como Patrimonio da
Humanidade), o bosque de Laurisilva, diversos espazos naturais protexidos e
grande variedade de climas. É, desde o ano 2012, Reserva da Biosfera.
A economía baseouse ao longo da historia na
agricultura e no sector primario en xeral, mais nos últimos anos o
desenvolvemento económico orientouse cara ao turismo.
A desaparición do pastoreo e da agricultura xunto ao
crecemento do sector servizos axudaron a que se perdera o uso do asubiar
gomero. Perante esta situación, a Junta de Canarias regulou a súa ensinanza nas
escolas gomeras para que se imparta na Educación Primaria e Educación
Secundaria Obrigatoria (orde de xullo de 1999), e o silbo foi declarado
patrimonio etnográfico das illas no 1999 para garantir a súa supervivencia
entre as novas xeracións e é definido como integrante do patrimonio etnográfico
de Canarias, mediante a Lei 4/1999 do 15 de marzo de Patrimonio Histórico de
Canarias, no seu artigo 73.2.
Pola súa banda, o Parlamento de Canarias aprobou unha
Proposición No de Lei, con data 26 de xullo de 1997, pola que instaba o Goberno
de Canarias a incluír o silbo gomero no Sistema Educativo da devandita illa.
Mais antes diso, elaboráranse os Decretos 46/1993, do 26 de marzo, e 310/1993,
do 10 de decembro, nos que se recollía a necesidade de que os currículos das
etapas educativas obrigatorias sentasen as bases para que o Patrimonio e a
Cultura Canaria se convertesen en elementos de identidade e integración.
Non obstante, segundo esta normativa o ensino do silbo
gomero non pretende rehabilitar este medio de comunicación para as funcións que
tivo noutras épocas, senón conseguir que o seu coñecemento e práctica por parte
das xeracións máis novas, coa intención de preservalo para o futuro e poder
inserilo en novos ámbitos culturais e creativos como un elemento representativo
da tradición canaria. No curso académico 2005/2006 un total de 1520 alumnos en
toda a illa aprenderon a asubiar nas aulas impartidas por asubiadores expertos
e por persoal docente que recibiu previamente a formación axeitada nesta
materia. Aquí podemos acceder a un vídeo onde se nos mostra como aprenden os
nenos e nenas o silbo na escola.
Tal e como indicaba Virgilio Brito, o silbo perdeu a
súa función orixinal: “Hoy el silbo es un tema de museo. Se silba pero menos;
otros medios lo han desplazado. El silbo ha pasado a ser una pieza del
folklore. Estudios, leyendas, cábalas sobre su origen. Pero un no rotundo a su
verdadera naturaleza"
Recentemente, en abril de 2004, o Consello de
Patrimonio Histórico aprobou a inclusión do silbo gomero na lista para
representar a España na candidatura ante a UNESCO. Foi declarado Patrimonio
Cultural Inmaterial de la Humanidade en Setembro del 2009
Hoxe en día o asubío gomero non só se usa na illa La
Gomera senón tamén nas illas El Hierro, Tenerife e Gran Canaria. Aínda que
parecía que a linguaxe case se extinguiu no ano 1999, no ano 2009 a comunidade
lingüística consistía en máis de 22.000 'falantes' (UNESCO 1995-2010).
O SILBO NA LITERATURA… un pequeno
exemplo…
- ¿Qué significa eso?
Faaa-fiii-aa-¿Fii? - Aquel hombre que ves arriba, en el risco, está llamando a
su hija. Su nombre es maría. Y silba Faaa-fiii-aa ¿Fii?, que quiere decir
“María, eh”, o bien “María, ¿dónde estás? ¿ya vienes? - ¡Y dónde está María? -
Abajo, en el barranco. ¿La ves? Aquel punto blanco que pasa ahora bajo las
palmeras. Va cargada con dos latas llenas de agua. - FAAA-FOOOOOO-FOOOIII -
¿Qué ha respondido? - Ya voy, ya voy. La respuesta fue más débil, quizá porque
nos llegó en sentido contrario, el viento frenaba el sonido y la chica carecía
de la potencia que mostró su padre en la llamada. (Faaa-fiii-aaa- ¿Fii?
Faaa-foooooo-foooiii ¿Cómo llevar al papel aquel impresionante eco? Las últimas
notas parecían eternas, y uno no sabe cómo escribirlas). Íbamos bordeando el
barranco de Aguajilba, por la antigua ruta de los pastores. Dejamos atrás la
pequeña ermita de Lourdes. (Elfidio Alonso, Con los dedos en la boca)
A modo de peche, destacamos a importancia do silbo,
das súas características que o fan único e diferente, da súa inconfundible
melodía xa intrinsecamente ligada á illa de La Gomera (seu eterno berce,
posiblemente desde os inicios do século XVI).
Resulta incrible como esta lingua emprega todos os
recursos fonadores da cavidade bucal e as súas correspondentes subcavidades
mediante o asubío.
Aínda que ten unha longa tradición, hoxe en día o
silbo perdeu a súa función orixinal de medio para comunicarse, sobre todo a
longas distancias, para converterse nunha peza folklórica.
Esta é unha pequena homenaxe á lingua que rozou a
morte nos anos ‘50, por conta das mudanzas socioculturais e económicas, mais
que conseguiu erguer o seu asubío para que se escoitase tamén no resto do mundo.
Disque o que de noite asubía, polo
demo pía…
MÁIS INFORMACIÓN:
Fonte oficial do Silbo Gomero: http://www.silbogomero.com.es/
El Silbo Gomero Y Virgilio Brito: https://www.facebook.com/notes/isla-de-la-gomera/el-silbo-gomero-y-virgilio-brito/496164440407344
Felicitación navideña silbo gomero: https://www.youtube.com/watch?v=Ax4I40zkASQ
Féloche dedica una canción al silbo gomero: “El
compositor y cantante francés hizo esta canción para rendir homenaje a
Bonifacio y aflorar los recuerdos de vacaciones en la isla de La Gomera”. FELOCHE - El Eco Del Silbo Gomero
(Documental) [HD 720p], dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=rs4SGbOblRA
Entrevista, desde cando existe o silbo gomero?: http://silbo-gomero.com/mp3s/BBC-SilboGomeroInterview-8-26-08-JeffBrent-IsidroOrtiz.mp3
Documental Silbo Gomero. Director
Santi Winer. Dop Brian Walker. En vimeo, un vídeo actual e aparecen nenos e
nenas tamén asubiando: http://vimeo.com/112398393
Ningún comentario:
Publicar un comentario